A edición deste ano de CONAMA, o Congreso Nacional de Medio Ambiente, contou na súa xornada inaugural, o pasado 31 de maio, coa presenza do LIFE Lugo + Biodinámico.

O proxecto LIFE, que vertebra a marca de cidade sostible de Lugo cara o exterior “refórzanos non só como un municipio innovador na renovación urbana senón tamén como un polo de atracción para a implantación de empresas vinculadas coa bioeconomía e a economía circular”. Así o remarcou a Alcaldesa Lara Méndez durante a súa participación neste Congreso, o maior encontro ambiental do país, que desenvolveu baixo o lema “A recuperación que queremos“.

Na mesa onde participou o LIFE Lugo + Biodinámico, que compartiu presenza con Salamanca, Barcelona e Madrid, a Alcaldesa indicou que o traballo que se estivo a realizar nos últimos seis anos cara unha transformación en verde está a resultar un revulsivo tamén para diversificar a economía, “porque se as cidades non traballan en ser máis resilientes na loita contra o cambio climático ao mesmo tempo que nunha nova economía, a nosa mocidade seguirá a marchar fóra na busca de oportunidades por moi agradables que convirtamos os territorios”.

Dos proxectos presentados por Lugo, ademais do Muramiñae, os que máis expectación xeraron foron os que conforman o LIFE Lugo + Biodinámico, concretamente o edificio Impulso Verde xa que a súa construción en madeira de Galicia certificada 100% permite un aforro enerxético dun 74% e unha redución do 95% de emisións de CO2, o que o converte nun referente na loita contra o cambio climático, e o Barrio Multiecolóxico, o primeiro de España no que se multiplicarán por cinco os espazos verdes e públicos respecto ao PXOM, por dous os equipamentos e impulsa a vivenda pública, ao destinar o 45% das mesmas. Lara Méndez definiu este proxecto de barrio “como aldea urbana”, porque “a súa concepción sostible busca tamén maiores relacións interxeracionais e entre a veciñanza, así como cambio nos hábitos de vida”.

Tags: