O Programa LIFE aplaude a aposta do LIFE Lugo + Biodinámico polo uso da madeira na construción
O pasado 27 de abril celebrouse no Concello de Lugo unha nova sesión do comité de xestión e dirección do LIFE Lugo + Biodinámico, onde se deu conta á Comisión Europea dos avances do proxecto. Nesta xuntanza participou Dimas Ramos, monitor da Axencia Europea Executiva do Clima, da Comisión Europea, quen trasladou á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o apoio por parte de Europa ás iniciativas que o proxecto está a desenvolver. Concretamente, a aposta polo uso da madeira na construción e o impulso que esta escolla ten no sector forestal son os eixos que máis salientan desde o Programa LIFE.
“Europa está moi atenta ao proxecto de Lugo, que busca naturalizar as cidades”, comentou Dimas Ramos, que incidiu que se a aposta polas “urbes máis abertas, sostibles e agradables para a cidadanía e a súa contorna era unha liña europea clara, trala pandemia se ve que é aínda máis importante”. No caso da estratexia impulsada por parte do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, sinalou que “un dos maiores impactos que está a ter é que se empeza a ver a madeira, non só como un material de uso tradicional e de adorno, senón como un material avanzado e moderno para a construción”.
A alcaldesa Lara Méndez incidiu pola súa parte en que o estudo das melloras ambientais que supoñen as distintas actuacións do LIFE Lugo + Biodinámico “serán tamén un revulsivo para seguir planificando a cidade sostible na que traballamos”. Ademais, salientou “o efecto transformador medioambiental, social e económico desta estratexia para Lugo, que vai máis aló da súa duración e das súas actuacións, porque a transforma nunha cidade combativa e proactiva na loita contra o cambio climático. Son proxectos que dan oportunidades, que xeran economía e emprego a través dos recursos naturais, como pode ser a madeira como elemento estrutural, sen esquecernos a parte social e de recuperación dos espazos públicos”.
No comité participaron, ademais, o concelleiro de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, e representantes das institucións que colaboran co proxecto: a Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela, pola que acudiu Mª Dolores Vega, Antonio Rigueiro e Belén Feijóo de PEMADE e a Universidad Politécnica de Madrid, representada por Luis Ruíz.