A Alcaldesa de Lugo supervisa os primeiros pasos da construción do edificio Impulso Verde
As obras para erguer o edificio Impulso Verde dentro do Barrio Multiecolóxico do LIFE Lugo + Biodinámico avanzan a bo ritmo. A finais do ano pasado colocouse unha laxa de formigón como base do edificio, ubicado no barrio da Garaballa, sobre a que se está a erguer dende a semana pasada o estandarte do proxecto, unha construción pioneira que se realiza en madeira certificada galega 100% e que destaca pola súa sostibilidade e eficiencia. O pasado xoves 28 comezou a instalación da estrutura central do edificio, trala chegada dos primeiros camións coa madeira certificada da Mariña que se empregará, procedente do serradoiro Hijos de Ramón Rubal, situado en Alfoz.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou estes primeiros pasos afirmando que “en só 24 horas puidemos ver como a construción da estrutura, grazas a este modelo de edificación, avanza a un ritmo moi rápido. Nos vindeiros días poderemos observar como evoluciona e se van montando as diferentes partes do edificio, que contará con tres plantas. A previsión é que a mediados do mes de marzo poida estar xa rematada toda a estrutura”.
A construción do edificio baséase nunha montaxe de paneis CLT. Estes paneis vanse erguendo sobre a laxa de formigón e vanse unindo entre si mediante escuadras metálicas específicas e tirafondos. Unha vez levantada a estrutura principal en CLT, procederase á montaxe do armazón de madeira laminada de fachadas sur e, unha vez montado, levantarase para ser situados no seu sitio e despois montar os paneis de CLT restantes desta fachada. A fachada contará cunha gridshell e tamén cunha cuberta de pizarra.
Impulso Verde, de balance enerxético case nulo, emitirá un 90% menos de CO2 á atmosfera. Ademais, implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción. Dende un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinadas ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos.
De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.