O Concello de Lugo e o LIFE Lugo + Biodinámico transformarán os barrios en espazos neutros en carbón
O Concello de Lugo sacou a finais do pasado ano a licitación dunha asistencia técnica que elabore un estudo piloto de planificación detallada de zonas de confort climático, que se centrará de entrada na área de actuación do LIFE Lugo + Biodinámico, e concretamente no Barrio Multiecolóxico. Este estudo piloto aplicarase ademais de nesta nova urbanización, na área da praza de Agro do Rolo, onde se analizarán espazos construídos xa existentes e se proporán solucións e melloras para a contorna.
Deste xeito, o Concello de Lugo controlará as condicións climáticas das vivendas da cidade, apostando polos barrios neutros en carbón. Cos datos que dea este estudo o que se busca é deseñar a cidade segundo as variables do clima, acadando aforro enerxético e de emisións contaminantes, creando zonas exteriores confortables para a veciñanza. En declaracións da alcaldesa Lara Méndez, “o actual comportamento das cidades é unha das causas principais da emerxencia climática, polo que en Lugo traballamos para cambiar o paradigma na planificación urbana co fin de que sexa máis sostible”, polo que engade, “con esta actuación proxectada no marco do LIFE Lugo + Biodinámico, queremos aportar solucións de deseño nos barrios en función das variables climáticas, tanto nas edificacións como nos espazos públicos, o que nos permitirá reducir as emisións contaminantes así como o consumo de recursos materiais, auga e enerxía e crear unha rede acolledora de espazos no exterior confortables para a veciñanza”.
A intensidade dos efectos do microclima nos barrios depende de multitude de factores, entre os que destacan a estrutura urbana, a presenza ou non de vexetación, os materias de construción das urbanizacións e a calor e as emisións xeradas polos mesmos, a topografía do terreo ou as características climáticas locais como o vento ou a temperatura. Por iso o estudo recollerá a caracterización microclimática da área de intervención, determinando as coordenadas solares, os ventos dominantes e os índices de humidade, así como o aproveitamento das horas de sol, a cuantificación das necesidades térmicas e a descrición os factores que determinan o microclima local, entre outros factores. O obxectivo final deste estudo é acadar barrios neutros en carbono, que anulen a emisión de gases de efecto invernadoiro na cidade de Lugo, facéndoa máis resiliente ao cambio climático. “Ante a previsión dun futuro climático adverso, pretendemos que a urbanización das Gándaras dependa maioritariamente dos recursos locais renovables nos servizos básicos urbanos, como a mobilidade, a iluminación ou a xeración de residuos”, concluiu Lara Méndez.