A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entregou esta semana ao CEIP Luis Pimentel de Lugo, parte dos 600 exemplares de planta de castiñeiro en tubo cos que se vai agasallar ás nenas e nenos de diferentes centros de ensino primario da cidade. A esta entrega a alcaldesa asistiu acompañada da Deputada Pilar Porto e do profesor do Campus Terra da USC e socio do proxecto Juan Luis Fernández.

Neste acto de entrega, Lara Méndez salientou que “tras este duro ano, entregamos unha semente de ilusión para 2021”. Ademais, a alcaldesa fixo fincapé na importancia que ten para Lugo o proxecto LIFE e o seu labor na recuperación e aposta por un modelo de cidade máis respectuoso: “é unha semente relacionada co Lugo no que estamos a traballar para acadar unha cidade máis verde e sostible, máis saudable para toda a veciñanza e que sexa máis resiliente co fin de saír reforzados dos danos causados polo cambio climático”.

As plantas que se entregaron neste centro escolar foron creadas nun dos laboratorios do Campus Terra, partindo de células recollidas nas plantacións do Souto do LIFE Lugo + Biodinámico, para preservar tanto as especies autóctonas como a biodiversidade da nosa contorna. O obxectivo desta iniciativa é contribuír á concienciación sobre a importancia que ten para a cidade e para o noso futuro coidar, coñecer e respectar o noso medio natural.

Dende o inicio do proxecto, nas plantacións do LIFE Lugo + Biodinámico estableceuse un Arboretum de máis de 15.000 exemplares, sobre o que a Alcaldesa destaca: “Este bosque urbano xa supuxo unha mellora dos indicadores ambientais dos polígonos das Gándaras e do Ceao. E é, desde logo, un refuxio para a biodiversidade e unha zona que pronto abriremos para goce da poboación lucense” subliñou a alcaldesa. Coa entrega destas plantas de castiñeiro entre os escolares da cidade, dende o LIFE Lugo + Biodinámico cúmprese un dos obxectivos do proxecto, que é sensibilizar á poboación dende a infancia: “É importante que traballemos xa dende a infancia co obxecto de que os nenos e nenas coñezan a importancia de contribuír unidos a deixar, aos que nos sucedan, un mundo mellor. E as familias son as mellores aliadas neste labor por amosarlles o amor pola nosa terra”, incidiron Lara Méndez e Pilar Porto.

Tags: