Sustainable Shaun

Son moitas as institucións e asociacións que están a elaborar e propoñer diferentes actividades e xogos para facer máis levadeiros estes días de confinamento, sobre todo pensando nos máis pequenos das nosas casas.

Dende o LIFE Lugo + Biodinámico propoñémosvos unha pequena escolma de entre todas estas propostas, para que vaiades facendo e compartindo dende as vosas casas. Queremos que nos contedes cales son as que máis vos gustaron!

A iniciativa escolar Sustainable Learning de Bristol convídanos a crear un refuxio sostible para animais perdidos das cidades, da man da ovella Shaun: Sustainable Shaun.

A ONG WWF ofrécenos a posibilidade de xogar a un simulador de cidades verdes. Nel podemos crear a nosa propia cidade, incorporando todos os elementos que a farán máis sostible, coma subministros de enerxía verde, reaproveitamento de auga e vento e de todos os recursos que a natureza nos ofrece para crear cidades ecosostibles e eficientes sempre dende a conciencia medioambiental.

O estudio de desenvolvemento de xogos Paladin liberou tamén estes días un simulador de cidades verdes, Enercities, no que tes que crear a túa cidade dende cero e facela sostible e eficiente enerxeticamente. Con este simulador, ademais, xogas aprendendo todo o relativo ás enerxías sostibles.

Pola nosa parte, estamos a traballar nunha sorpresa para que poidades xogar dende casa mentres aprendedes sobre as accións que o LIFE Lugo + Biodinámico está a desenvolver na cidade. Permanecede atentos á nosa páxina e redes sociais, que teredes noticias en breve!

Tags: