ULMUS GLABRA HUDS.

Lamigueiro, ulmeiro, olmo montano

O lamigueiro é unha árbore de folla caduca que pode alcanzar os 40 m de altura. A súa casca é de cor gris que se torna máis escura e agrétase cos anos, o tronco é recto e a copa redondeada. Resistente ao frío.

Familia: Ulmaceae
Xénero: Ulmus

Distribución: Gran parte de Europa e Asia. Dende o nivel do mar ata os 1.800 m de altitude aproximadamente.

Follas: caducas, grandes, simples, alternas, de bordo serrado, curtamente acuminadas, peciolo moi curto, base asimétrica, ásperas ao tacto, frecuentemente tricuspidadas.

Flores: precoces, bisexuais, pentámeras, pouco vistosas en glomérulos (inflorescencia formada por un grupo denso de flores moi próximas entre si, formando un aglomerado con forma de globo).

Froito: tipo sámara (aquenio cunha á que favorece a súa dispersión polo vento). Os froitos fórmanse antes que as follas.

Observacións: Madeira de cor branca, dura, pesada e pouco apreciada. Uso ornamental.