A pereira de monte é unha árbore caducifolia de copa estreita, casca de cor gris e con escamas que pode alcanzar os 20-25 m de altura. Indiferente ao tipo de terreo (silíceo ou calcario) pero prefire solos húmedos e frescos.
Familia: Rosaceae
Xénero: Sorbus
Distribución: centro e sur de Europa, suroeste de Asia e noroeste de África. Na Península Ibérica distribúese por toda a súa xeografía excepto no suroeste. Dende o nivel do mar ata os 1.300 m de altitude.
Follas: caedizas, simples, alternas, profundamente lobuladas, de bordo serrado e peciolo longo, de cor verde escura brillante pola face e verde claro mate polo envés.
Flores: pentámeras, bisexuais, brancas, pequenas, reunidas en inflorescencias corimbiformes. Florece na primavera (abril-xuño).
Froito: tipo pomo, pequeno, de cor parda, comestible.
Observacións: A súa madeira é dura e utilízase para a fabricación de obxectos que sofren rozamento, mangos de ferramentas, instrumentos musicais, etc. Os froitos ao madurar son doces.