As faias son árbores que poden acadar os 40 m de altura. A casca do seu tronco é lisa, de cor verdosa inicialmente e co tempo vólvese gris escura.
Familia: Fagaceae
Xénero: Fagus
Distribución: centro e oeste de Europa. Na Península Ibérica distribúese polo norte, dende os Ancares e o Courel ata o Pirineo oriental. A faia ten nas montañas orientais da provincia de Lugo o límite occidental da súa área. Dende o nivel do mar ata os 2000 m de altitude.
Follas: caedizas, simples, alternas, de bordo sinuoso pero liso e con pelos brancos sedosos, antes de caer toman unha fermosa cor dourada.
Flores: unisexuais monoicas (masculinas e femininas no mesmo pé). As masculinas en inflorescencias racemiformes colgantes e as femininas en grupos de dúas protexidas por un involucro de brácteas.
Froito: aquenios con forma de tetraedro pechados nunha cúpula que se abre en catro valvas. Maduran en setembro ou outubro e son alimento para o gando doméstico e para a fauna silvestre.
Observacións: a súa madeira é moi apreciada por presentar poucos nós e emprégase na fabricación de solos e en ebanistería.