O LIFE Lugo + Biodinámico organiza un obradoiro de poda de castiñeiros aberto a toda a veciñanza
O proxecto LIFE Lugo + Biodinámico impulsado polo Concello de Lugo organiza, da man do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un obradoiro de poda de castiñeiros que se desenvolverá nos días 18 e 25 de novembro e 16 e 23 de decembro.
Cada día realizaranse dúas sesións do Obradoiro, unha ás 16h e outra ás 17h, tendo cada sesión unha duración estimada de 1 hora, e serán de balde e abertas a toda a veciñanza, mediante inscrición previa.
As xornadas consistirán nunha formación práctica de poda de castiñeiros para a obtención de froito. Realizaranse prácticas de poda no Souto de recente implantación do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, sito no Polígono Industrial das Gándaras. Todos estes cursos serán impartidos por Pablo Antonio Fraga Gontán, enxeñeiro agrónomo, e Juan Luis Fernández Lorenzo, doutor en Ciencias Biolóxicas e profesor da USC, ambos membros do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.
O obxectivo destas xornadas é tamén divulgar entre a veciñanza de Lugo o labor de investigación que se está a desenvolver dende o Campus Terra da USC en torno aos beneficios da bioeconomía vencellada ao cultivo das variantes autóctonas de castaña, así coma os seus coidados e características. Tamén se pretende o fomento do aproveitamento dos nosos recursos forestais, que se está a potenciar a través do Concello de Lugo.
Estes obradoiros desenvolveranse no novo pulmón verde de Lugo, nas Gándaras, cun máximo de 15 persoas por sesión, seleccionadas por estrita orde de recepción da solicitude. A inscrición pódese realizar a través deste formulario ou no teléfono 981229422. Calquera modificación ou novidade relativa a estes obradoiros (condicións meteorolóxicas, emprazamento, punto de encontro) será notificada a través das nosas redes sociais e do correo electrónico facilitado polas persoas inscritas.