As plantacións reciben novas visitas escolares
O mes de maio rematou con novas visitas de centros escolares de Lugo e a súa contorna ás plantacións. Ambas visitas están recollidas na nosa fotogalería e poden ser visitadas tamén dende esta ligazón.
O xoves 30 de maio, os alumnos e alumnas de 6º de Primaria do CEIP Anexa de Lugo puideron coñecer de primeira man as diferentes accións que se están a desenvolver nas nosas plantacións, así coma os obxectivos que o LIFE Lugo + Biodinámico ten fixados para os vindeiros anos.
O venres 31 foi o turno do CEIP Menéndez Pelayo. Os nenos e nenas visitaron as plantacións, o humidal e mesmo tiveron tempo de contemplar a garita que se ergue nunha das áreas de actuación do proxecto.
O obxectivo destas visitas, que se enmarcan dentro das accións do Foro Verde do LIFE Lugo + Biodinámico, é divulgar a importancia da recuperación dos bosques autóctonos e a súa función na loita contra o cambio climático, así como a posta en valor dos ecosistemas propios da contorna de Lugo.
Agardamos que estas sexan as primeiras de moitas accións conxuntas entre as escolas da cidade e o noso proxecto.