O Pacto dos Alcaldes é unha iniciativa que engloba a milleiros de gobernos locais de toda Europa, de xeito voluntario, cunha finalidade común: Aplicar en cada unha das cidades que o conforman os compromisos en materia de clima e enerxía da UE.
A iniciativa comezou no 2008 e introduciu un novo enfoque global, de aplicación local, para todas as accións relativas á loita contra o cambio climático e a prol do consumo eficiente de enerxía. Dende a súa sinatura incorporáronse xa máis de 7000 autoridades locais de 57 países, que se aproveitan e retroalimentan co coñecemento adquirido por cada unha delas.
Este Pacto dos Alcaldes medra grazas á experiencia obtida nesta última década a nivel local e global. O seu obxectivo é fomentar a cooperación dende as cidades a través da posta en común de coñecementos e estratexias, mediante a implementación de patróns de actuación en materia de clima e enerxía que sexan aplicables por todas as entidades que o conforman.
Lugo é asinante da Iniciativa Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía dende o 30 de xuño do 2016.
Dende LIFE Lugo + Biodinámico animamos a todos os concellos a sumarse a esta gran iniciativa.