Un novo pulmón verde urbano en Lugo
A través do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico do programa europeo LIFE, o Concello Lugo (Coordinador do proxecto), a Deputación de Lugo (entidade cofinanciadora), a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid (Beneficiarios asociados) están creando un novo pulmón verde na zona urbana das Gándaras de Lugo. Esta acción está dirixida polos técnicos da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Terra).
Realizouse unha plantación de 15.000 plantas, distribuídas entre un souto de 286 castiñeiros en 3,6 ha; 5.315 exemplares de pradairo, carballo, cerdeira e freixo en 4,1 hectáreas; cultivos enerxéticos (9.000 unidades de chopo eMiscanthus giganteus -unha especie cun alto rendemento en biomasa- para a produción de biocombustibles sólidos en formato de estelas nunha hectárea de superficie); ademais de acondicionarse un Arboretum, con medio millar de árbores e arbustos autóctonos de 55 especies distintas, representativas de bosques autóctonos de Galicia nunhas 5 hectáreas.