Implantación do Arboretum no Polígono das Gándaras de Lugo
O Concello de Lugo en colaboración coa Universidade de Santiago implantará un Arboretum nunha das zonas verdes do Polígono de As Gándaras no marco do proxecto LIFE Adaptación ao Cambio Climático: LIFE LUGO+BIODINAMICO
O Concello de Lugo coordina desde inicios do pasado ano o proxecto Europeo LIFE LUGO+BIODINAMICO, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación de Lugo e a Universidade Politécnica de Madrid.
O proxecto LIFE LUGO+BIODINAMICO “Planificación dun barrio multi-ecolóxico como modelo de resiliencia urbana” é unha iniciativa altamente innovadora no contexto urbano europeo centrada a escala de barrios e áreas residenciais que sitúa á cidade de Lugo na vangarda da planificación urbana sostible. Dita planificación sostible contempla de xeito innovador e inclusivo medidas destinadas á mitigación e adaptación ao cambio climático no contexto urbano europeo que ademais implicarán de forma activa á poboación da cidade. Este tipo de planificación será un xeito de facer da cidade un lugar máis seguro, máis saudable, máis verde e máis vivible para os cidadáns e visitantes creando ademais numerosas e novas oportunidades de desenvolvemento.
O proxecto LIFE LUGO+BIODINAMICO ten como obxectivo principal “Establecer de xeito práctico na Cidade de Lugo unha estratexia innovadora de planificación urbana destinada a actuacións de escala intermedia en barrios e áreas residenciais para acadar tecidos urbanos resilientes e adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático.” O ámbito de actuación do proxecto LIFE LUGO+BIODINAMICO está centrado no Parque Empresarial de As Gándaras onde tamén se abordará a súa planificación ambiental e paisaxística baseada na identificación e ordenación do Parque Lineal Verde da cidade e o deseño dun Plan Estratéxico de Infraestruturas Ecolóxicas.
Entre o conxunto de Actuacións Demostrativas que se levarán a cabo no marco do proxecto LIFE LUGO+BIODINAMICO, destaca a creación dun Arboretum nunha parcela de 5 hectáreas coa plantación de 55 especies de árbores e arbustos autóctonos como mostra representativa dos hábitats de Galicia, xunta a outras accións relevantes como son:
- Acondicionamento dunha parcela demostrativa de 4 hectáreas para Silvicultura de madeiras autóctonas en áreas urbanas.
- Adaptación dunha área de demostración de 1 Ha para experimentar con cultivos enerxéticos nun contorno urbano que producirá biocombustibles.
- Establecemento dun Souto de Castaños con variedades galegas tradicionais nunha parcela demostrativa de 3,6 hectáreas como reserva de biodiversidade e produtos autóctonos.
- Recuperación e potenciación dun bosque húmido, cunha superficie aproximada de 5 hectáreas, que será proposto para ser declarado como como ENIL (Espazo Natural de Interese Local)
- Establecemento dun módulo de Agricultura Urbana Integral en tramas experimentais da área de actuación
- Deseño e construción en madeira dun edificio piloto de alta eficiencia enerxética como actuación demostrativa para promover un efecto catalizador e multiplicador
En concreto a acción aprobada esta semana pola Xunta de Goberno do Concello “Establecemento dun Arboretum de especies leñosas autóctonas en Galicia (ACCIÓN C8 do documento técnico do LIFE LUGO+BIODINAMICO)” suporá a implantación dun Arboretum que terá una superficie aproximada de 5 ha que estará localizado no polígono industrial As Gándaras. Estableceranse aproximadamente unhas 55 especies autóctonas entre arbustivas e arbóreas e distribuídas en 10 bosquetes, como se observan nos planos. O Arboretum representará para Lugo un espazo de divulgación e participación activa no que achegarse aos bosques máis representativos de Galicia.
A dirección dos traballos correrá a cargo do catedrático Antonio Rigueiro Rodríguez da Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.
Os traballos de plantación levaranse a cabo en outono.
Mapa de localización da parcela do polígono de As Gándaras na que se implantará o Arboretum (Autor: USC)
Mapa de distribución das especies arbóreas e arbustivas que se implantarán no Arboretum (Autor: USC)