Arrinca o programa europeo LIFE Lugo + Biodinámico, que conta este ano con 713.000 euros
O primeiro paso foi constituír os comités de dirección e seguimento, dos que partirán todas as decisións sobre o proxecto, encamiñado a favorecer un urbanismo sustentable e un mellor aproveitamento da riqueza forestal na cidade e no seu contorno.
A USC elaborará o proxecto técnico para declarar espazo natural de interese local a superficie de bosque de ribeira existente entre As Gándaras e O Ceao co fin de garantir a súa conservación e organizar actividades divulgativas del.
Lugo é a primeira cidade galega que inicia os trámites para adherirse ao Pacto dos alcaldes, o principal movemento europeo de autoridades locais e rexionais que asumen o compromiso voluntario de mellorar a eficiencia enerxética.
A constitución dos comités de dirección e seguimento marcaron a posta en marcha de Lugo+Biodinámico, o proxecto de 3,5 millóns de euros financiado con fondos europeos LIFE que conseguiu o Concello de Lugo, e grazas aos que desenvolverá no próximos catro anos novas iniciativas en favor dun urbanismo sustentable e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental. Así o deu a coñecer o Concelleiro de Desenvolvemento Sustentable e Persoal, Daniel Piñeiro, quen avanzou que o plan conta este ano con 713.000 euros para a súa execución, e que a conformación dos órganos de dirección e seguimento é o primeiro paso para arrincar o plan, xa que deles “partirán todas as decisións que se vaian tomando no desenvolvemento do proxecto”.
De feito, na propia constitución dos comités, xa se tomaron varias medidas, como a aprobación do borrador de normas de funcionamento que rexerán estes órganos, e que recibirá luz verde no próximo comité de dirección; e a de definir o proceso de contratación da xerencia do plan, que será a través dun concurso aberto seguindo as directrices marcadas por Europa para este tipo de proxectos.
Así mesmo, explicou Piñeiro que se lle encargou á Universidade de Santiago, entidade colaboradora nesta iniciativa, a elaboración do proxecto técnico para declarar como espazo natural de interese local (ENIL) a superficie de bosque de ribeira existente entre os polígonos das Gándaras e do Ceao co fin de garantir a súa conservación e organizar actividades divulgativas del entre todos os públicos, aínda que de modo prioritario para as e os escolares.
Paralelamente, a entidade local, segundo informou o Concelleiro de Desenvolvemento Sustentable, tramitará tamén os permisos necesarios para poder acondicionar os terreos destinados á plantación dun souto con variedades de castiñeiro tradicionais que tamén levará a cabo en terreos situados entre As Gándaras e O Ceao.
Compromiso coa eficiencia enerxética
Por outra banda, na primeira reunión dos comités de dirección e seguimento, acordouse iniciar o procedemento para que Lugo se incorpore ao Pacto dos alcaldes, o principal movemento europeo no que participan as autoridades locais e rexionais que asumen o compromiso voluntario de mellorar a eficiencia enerxética e utilizar fontes de enerxía renovable nos seus territorios. Co seu compromiso, as e os asinantes deste pacto, promovido pola Comisión Europea, propóñense superar o obxectivo da UE de reducir nun 20% as emisións de CO2 antes de 2020. Lugo é a primeira cidade galega que tramita a adhesión a este movemento, incluída entre as accións do propio plan LIFE.
Composición dos comités
O comité de dirección de Lugo+Biodinámico está presidido pola Alcaldesa, Lara Méndez, e del forman parte o propio Concelleiro de Desenvolvemento Sustentable e as de Economía, Benestar Social e Cultura, Ana Prieto, Ana González Abelleira e Carmen Basadre, respectivamente, ademais dunha persoa representante da Deputación, da USC, da Universidade Politécnica de Madrid, dúas persoas representantes de EVISLUSA (Empresa Municipal de Vivenda e Solo), e unha ou un funcionario que exerce o labor de secretaría. O comité de seguimento está composto por Daniel Piñeiro e, igualmente, por representantes da Deputación, da USC, da UPM e EVISLUSA.
Fonte: Concello de Lugo